Thursday 25 de April de 2024

A Xunta dota de iluminación a Ponte de Nafonso, que une os concellos de Noia e de Outes, contribuíndo á súa posta en valor e ao reforzo da seguridade de vehículos e de peóns


― A iluminación escollida realza a monumentalidade da infraestrutura, seguindo o modelo usado na Ponte Sampaio, en Pontevedra

― A actuación forma parte dos traballos de rehabilitación impulsados pola Xunta cun investimento de máis de 700.000€, que están xa na súa fase final e pendentes de remates

― A intervención incluíu a configuración do peitoril de pedra en lugar do metálico, así como a substitución do pavimento e da varanda

― A actuación combina a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval

― Este proxecto, no seu conxunto, forma parte do programa de control das pontes e obras de paso da Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas estruturas

A Xunta dotou de iluminación a Ponte Nafonso, que une os concellos de Noia e Outes na estrada AC-196, contribuíndo á súa posta en valor e ao reforzo da seguridade de vehículos e de peóns.

A iluminación escollida, en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado na Ponte Sampaio, en Pontevedra, realza a monumentalidade da infraestrutura.

Esta actuación forma parte dos traballos de rehabilitación impulsados pola Xunta, cun investimento autonómico de máis de 700.000 euros, que están xa na súa fase final, só pendentes de remates.
Cómpre lembrar que no mes de abril se retomaron as obras, tras recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Coruña o novo proxecto para a ponte, que recollía a configuración do peitoril de pedra en lugar do metálico, e unha vez superado o paro do transporte que retrasou o seu reinicio.

O proxecto inicial propoñía a instalación dunha varanda metálica, cuxo deseño estaba previsto para a contención de vehículos cunha velocidade de 50 km/h. Non obstante, a limitación a 20 ou 30 km/h nas vías que dispoñan plataforma única de calzada e beirarrúa, fixo necesario optar finalmente por colocar un peitoril de pedra.
A intervención conxugou a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval.

A obra tamén incluíu a substitución do pavimento e da varanda, así como a limpeza dos paramentos exteriores co fin de mellorar o seu aspecto estético e mantela en bo estado de conservación.

O proxecto, no seu conxunto, forma parte do programa de control das pontes e obras de paso da Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas estruturas, con actuacións de conservación preventiva.